Residencias artísticas

 

 

Que é unha residencia artística?

É un programa que ofrece a unhe artista o espazo, o tempo, os recursos e o acompañamento para traballar individual ou colectivamente na súa práctica artística, no seu oficio.

Por que facer residencias artísticas na Costa da Morte?

Porque a riqueza cultural, artística, paisaxística e natural da Costa da Morte, a peculiaridade dos seus espazos, entornos e xentes, xeran un contexto óptimo no que concentrarse na creación artística e no que permitirse interactuar coa veciñanza, co territorio, coa historia e coa tranquilidade.

Porque as artes vivas e en concreto a danza contemporánea non son unha disciplina tan recoñecible na Costa da Morte, a través das residencias desexamos contribuir na normalización e a presenza das escénicas no territorio.

 

Residencias de 2025

Tras o paso en 2024 por Corcubión, e grazas ao diálogo co concello, voltamos a activar unha residencia artística no mesmo, desta vez xogando entre os espazos do Centro de Día, a Capela do Pilar e a Nave de Protección Civil. Nesta edición 2025 contamos con Fran Rodríguez e Brais Pombo co seu proxecto Do outro lado.

Como incorporación para Escora, por primeira vez o programa conta co Concello de Vimianzo, que ofrece a posibilidade ao programa de incorporar o seu Auditorio do Concello como espazo de residencias. Así Noel Quintela pasa dúas semanas co seu proxecto “León”, que acaba mudando o título a Cairo.

Deste xeito, o programa de Escora 2025 inclúe dúas residencias artísticas, coas súas correspondentes mostras dos traballos en proceso e mediación coas asociacións de teatro e tradicional da contorna.

Fran Rodríguez e Brais Pombo | Do outro lado | 2025

Residencia artística en Corcubión

Do outro lado - Brais Pombo e Fran Rodríguez
Concello de Corcubión | Do 25 de maio ao 7 de xuño de 2025 | Centro de día e Capela do Pilar de Corcubión | Nave de Protección Civil do Porto

Sobre Do outro lado

Do outro lado é unha performance de Brais Pombo e Fran Rodríguez Casal que reflexiona sobre o ecoloxismo e a comunidade no rural. Inspirados nas revoltas veciñais ocorridas nas décadas dos anos 80 e 90 na súa aldea natal, Traspielas, os autores usan material de arquivo, lixo recollido na montaña, movemento corporal e creacións audiovisuais nun espectáculo multidisciplinar onde se crea un diálogo entre pasado e presente cuestionándose a relación humana co territorio. Proxecto gañador da bolsa do colectivo RPM.

Sobre Brais Pombo e Fran Rodríguez

Este proxecto é unha colaboración de Fran Rodríguez Casal, artista visual e cineasta que desenvolve proxectos persoais de longo percorrido no ámbito fotográfico dentro do documentalismo contemporáneo de autor, centrándose na interacción entre corpo e entorno. Xunto con Brais Pombo, actor e performer membro da compañía de teatro físico Mevadeus, valéndose do corpo e a voz constrúe un diálogo constante entre o movemento a creación sonora en directo.

Vídeo

Noel Quintela | Cairo | 2025

Residencia artística en Vimianzo

Noel Quintela Cairo
Concello de Vimianzo | Do 31 de maio ao 8 de xuño de 2025 | Auditorio de Vimianzo | Aula nas Piscinas Municipais

Sobre Cairo

Os biosbardos son seres inofensivos. A súa forma é indefinida e viven nos ríos e nas fontes. Vense, sobre todo, nas noites de luar, e o seu miúdo canto só se pode sentir arredor das doce. E só se se lle presta atención.

Cairo é todo iso e á vez non é nada. Sempre ten a pel arrepiada e vive nunha leira de xirasois. Sabe os nomes de tódolos cogumelos e de tódalas flores. Ten dúas orellas enormes e peludas coas que escoita paxaros e ras de quilómetros á redonda.

Sobre Noel Quintela

Crieime entre Monforte e Manán (Sarria). Estudei o grao profesional de danza contemporánea no Institut del Teatre de Barcelona. Tras acabar, traballei por dous anos en Dantzaz Konpainia (Donostia) e despois como freelancer con OSA+MUJIKA, Paula Parra, Joana Providência e João dos Santos Martins.

Entre tanto, en 2022 presentei a miña primeira creación “o panda vermello” no Ciclo Mexer do MIHL, e en 2024 naceu “león”, unha nova performance híbrida de música e danza. Tamén no 2024 abriu as súas portas o proxecto A p a l l e i r A en Manán, que xestiono xunto con Ángela Díaz Quintela, un espazo adicado á programación, creación e formación en relación ás artes vivas e a natureza.

Vídeo

Residencias de 2024

Trala boa acollida da residencia artística en Camelle no 2023, decidimos volver a apostar polo mesmo formato en colaboración con A Casa no Alto, Mar de Fábula e o Concello de Camariñas. Esta vez, estivemos en diálogo co Colectivo VACAburra para que foran elas que puideran vivir a experiencia en Camelle, co seu novo espectáculo Ruar

Durante o proceso de mapeado de ESCORA 2024, atopamos en Corcubión unha vontade especial para que a experiencia de ESCORA fose máis alá da data do evento con algunha acción que puidera trascender e deixar unha pegada máis concreta no territorio. Deste xeito coñecimos non só os espazos municipais cos que conta o concello, senón tamén o intenso tecido sociocultural do lugar. Finalmente, en diálogo co Concello de Corcubión, tomamos a decisión de activar unha segunda residencia artística co artista Félix Fernández en Corcubión, entre o Centro de día e a Nave de Protección Civil do Porto co seu proxecto Xavier a través de min. 

Deste xeito, o programa de ESCORA 2024 inclúe dúas residencias artísticas, coas súas correspondentes mostras dos traballos en proceso. É un orgullo para nós continuar afianzando as relacións territorio-artista e artista-territorio, facendo por unha banda que a danza contemporánea teña cada vez máis pegada na Costa da Morte, a un tempo que podemos acoller novos proxectos de danza e artes do movemento de artistas galegas. 

Colectivo VACAburra | Ruar | 2024

Residencia artística en Camariñas, Camelle

Do outro lado - Brais Pombo e Fran Rodríguez
A Casa no Alto, Mar de Fábula e Concello de Camariñas | Do 28 de marzo ao 2 de abril e do 13 ao 18 de maio 2024 | Museo Man de Camelle

Sobre Ruar

“Conforme poñemos o pé fóra da casa nun fermoso serán, entre as catro e as seis, desprendémonos do eu polo que as nosas amizades nos coñecen e volvémonos parte do vasto exército republicano de anónimos camiñantes cuxa compaña é tan agradable trala soidade do cuarto propio”.(Virginia Woolf)”
O nome Ruar provén do uso creativo das rúas que facía Virginia Woolf, ao que denominaba ‘street haunting’. Ruar como un acto de investigación, saír do espazo privado, o paseo como un feito relevante, unha ensoñación que se pode converter nunha experiencia transformadora. RUAR é a nova proposta de VACAburra para rúa e espazos non convencionais. Ruar como divertimento e como xogo. Unha peza para dous corpos con música en directo sobre a imaxinación do movemento no espazo público. Un paseo escénico en forma de viaxe sonora danzada.Unha excursión de corpos libres, ouvidos abertos e sorriso gozoso. Andar polas rúas paseando, enredando, deixando que o corpo sexa o que propón o percorrido, sen obxectivo final na ruta, unha deriva, un pasear, un deixarse sorprender polo que acontece no espazo público. Un paseo escénico en forma de viaxe sonora danzada, un itinerario extraviado polo corpo e pola música, un encontro entre dous intérpretes, unha bailarina que canta e un músico que baila, corpos que atopan un terreo de xogo común: o espazo público como marco e escenario.

Sobre o Colectivo VACAburra

VACAburra é o resultado da colisión de dúas artistas, unha vaca e unha burra, Andrea Quintana ·la variopinta· e Gena Baamonde ·mullerona· quenes unen as súas inquiedanzas e traxectorias nun proyecto común que xira en torno á creación escénica e coreográfica en clave contemporánea. O seu traballo está atravesado por unha mirada transfeminista do mundo co corpo como accionador principal das súas creacións, unha danza política co humor como ferramenta necesaria.
Para nós VACAburra. é un intentar intentando, un baile continuo, un camiño de tenacidade en avance imparable. Saltar o valado do prado, abrir fendas nos muros, forza bruta en estado salvaxe.

Sobre o A Casa no Alto

“A Casa no Alto” xurde do desexo de aportar un espazo onde creativxs emerxentes poidan desenvolver o seu proxecto creativo en relación a contorna e as súas circunstancias (económicas, patrimoniais, medioambientais, sociais…) Con ese fin, promoven unha vivenda-espazo de traballo no centro da poboación de Camelle íntegramente dispoñible para que xs artistas poidan residir temporalmente nela coa intención de levar a cabo prácticas de experimentación no entorno no que conviven.
A cabeza deste proxecto é Pablo López, artista plástico e xestor cultural asociado á actividade de Mar de Fábula, asociación promotora tamén de carácter ecoloxista e esencial no territorio.

Félix Fernández | Xavier a través de min | 2024

Residencia artística en Corcubión

Do outro lado - Brais Pombo e Fran Rodríguez
Concello de Corcubión | Do 13 ao 25 de maio de 2024 | Centro de día e Nave de Protección Civil do Porto

Sobre Xavier a través de min

Xavier a través de min é un proxecto de artes vivas de corte autobiográfico e non documental co que Félix trae ao presente o legado inmaterial que o seu irmán Xavier Fernández lle deixou en vida, e liberar todo o sedimento da vida do seu irmán nel. As principais ferramentas para vehicular este contido tan emocional son a danza, o espazo sonoro-musical, a voz, o texto e a instalación, que mesturadas compoñen unha experiencia vivencial moi próxima a un lugar de intimidade case confesional, onde atopar un espazo de liberación enerxético pouco habitual. Xavier Fernández traballou ata a morte en relación á consciencia, era psicólogo, criminólogo, investigador e psiconauta, profesor de ioga, de meditación, e tamén guía en procesos de procura interior.

Sobre Félix Fernández

Félix Fernández (Lugo, 1977) é artista multidisciplinar licenciado en Belas Artes e cunha formación complementaria en danza contemporánea, performance e produción sonora. A súa obra caracterízase por explorar linguaxes híbridos e transdisciplinares, cun enfoque nas artes vivas, abordando a creación artística a través dun profundo análise e cuestionamiento da nosa sociedade poñendo o foco en cómo nos afectamos por cuestións sociopolíticas, tecnolóxicas, medioambientais ou relativas aos medios de comunicación cando traspasan a esfera do público, filtrándose nos aspectos máis íntimos e existenciales das nosas vidas.O seu traballo funciona coma un espello no que o espectador pode sentirse reflexado.

Recibiu apoio para os seus proxectos a través de residencias artísticas en lugares como a Casa Encendida, o Espazo DT de Madrid, A Casa Vella de Allariz, o centro Azala en Vitoria e o Centro Coreográfico Galego. As súas performances foron presentadas en prestixiosos espazos culturais como o CCCB de Barcelona, o Instituto Cervantes de Tokio, o CCA Center of Contemporary art of Tel Aviv, o CGAC de Santiago de Compostela, o Festival Escenas do Cambio, o Festival TNT de Terrassa, Matadero Madrid, a Casa Encendida, o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, o Teatro Principal de Santiago de Compostela e o GrimmMuseum de Berlín, entre outros.

Residencias de 2023

No 2023 activamos por primeira unha residencia artística no contexto de ESCORA. Isto aconteceu porque coñecimos o proxecto A Casa no Alto, dirixido polo artista visual e xestor cultural Pablo López, que no ano anterior tiña realizado diversas residencias artísticas na vila de Camelle.

Para nós tanto o contexto como as historias que nos contaba Pablo e a complicidade que pronto tivemos con el, foron indicadores claros de que tiñamos que activar unha residencia artística en Camelle. Para a nosa sorte, o Concello de Camariñas, tamén aceptou rápidamente a proposta e conseguimos artellar unha residencia artística entre o Museo Man de Camelle e a Casa no Alto. 

Nesta primeira edición, a artista en residencia artística foi Alejandra Balboa, co seu proxecto Cando lle permito ao corpo aquilo que digo, que acompañada por Diego M. Buceta e Pavel Amilcar, tiveron a oportunidade de residir e traballar dúas semanas na vila de Camelle.

Tivemos a sorte de ver o resultado no contexto de ESCORA 2023, un momento no que compartir o traballo coas veciñas que tanto tiveran acompañado o proceso de Alejandra.

Alejandra Balboa | Cando lle permito ao corpo aquilo que digo | 2023

Residencia artística en Camariñas, Camelle

Do outro lado - Brais Pombo e Fran Rodríguez
A Casa no Alto, Mar de Fábula e Concello de Camariñas | Do 5 ao 17 de xuño de 2023 | Museo Man de Camelle | A Casa no Alto

Sobre Cando lle permito ao corpo aquilo que digo

Cando lle permito ao corpo aquilo que digo é un proxecto de investigación física que explora a distancia entre a palabra e o corpo, no que me propoño esculcar e observar a garganta, a mandíbula, a boca (lingua) e a respiración como motores desde os que partir e facer florecer o movemento.

Inspirándome en técnicas xaponesas que me axudan a conectar corpo e imaxinación, apoderarme do tempo, escoitarme e expresarme desde un lugar honesto, sutil, potenciando a idea de experiencia que reside no acto de moverse.

Desde o desexo, desde un corpo “deseducado”, desde unha “fisicalidad parda”. Un corpo que se permite acceder ao encontro coa incomodidade, o pudor e a torpeza, como limiares de aproximación ao descoñecido.

Sobre Alejandra Balboa

Alejandra Balboa é unha creadora e intérprete galega, graduada pola Escola Superior de Dança de Lisboa. Desde 2016 desenvolve o seu traballo en solitario de investigación, pedagoxía e creación. A súa filosofía vira ao redor da concepción do movemento como canle de escoita individual e colectiva, como ferramenta comunicativa e expresiva do humano.

Creación colectiva de Fran Sieira xunto a Asociación Adro de Baio

Residencia artística en Corcubión

Do outro lado - Brais Pombo e Fran Rodríguez
Concello de Corcubión | Do 25 de maio ao 7 de xuño de 2025 | Centro de día e Capela do Pilar de Corcubión | Nave de Protección Civil do Porto

Sobre Lea

A maiores e de maneira novidosa, en diálogo co Concello de Zas e a boa acollida da Asociación Adro de Baio puidemos iniciar o primeiro proceso de creación colectiva en ESCORA. Fran Sieira, como convidado e director da proposta, desenrolou xunto a equipa de Adro e o alumnado o espectáculo único Lea, incluindo a colaboración do propio Concello.

De cara a Edición 2024, dende a Deputación da Coruña e co apoio do Concello de Zas e da Asociación Adro de Baio realizouse o primeiro proceso de creación colectiva dun espectáculo único, Lea. En somentes 4 xornadas de traballo distribuídas entre marzo e maio, Fran Sieira dirixiu a 50 intérpretes de tódalas idades de baile e música tradicional. A maiores, Fran Sieira foi acompañado por outros tres mestres da Asociación: David Canto, sección instrumental; Miguel Abad, sección de baile; e Alex Ínsua, sección de canto e pandeireta.

A agrupación experimentou con técnicas do movemento máis propias da danza contemporánea. Outra parte fundamental das sesións foi a revisión do seu material coreográfico partindo dunha descontextualización do seu propio movemento como agrupación folclórica e levalo a un marco contemporáneo onde a través da súa linguaxe fomos abordando o proceso creativo e construindo a nosa propia Lea. Un espectáculo que reflictiu o traballo en colectivo e unión.

Sobre Fran Sieira Compañía de Danza

Fran Sieira Compañía de Danza fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende un marco contemporáneo. A compañía estuda o movemento a través do baile tradicional galego e utilízao como o seu principal mecanismo de expresión, creando unha linguaxe do movemento de vangarda como reflexo da nosa tradición.

Dende o 2017, e a través da creación colectiva, achega proxectos artísticos con vocación social e con moi boa acollida entre o público. Desde as marxes, a compañía crea espectáculos que teñen a vontade de xerar conciencia social e devolverlle á sociedade aquilo co que a inspirou.

Sobre Asociación Cultural Adro, Baio

A Asociación Cultural Adro nace en Baio, porta de entrada á Costa da Morte en 1980, da man dun grupo de amigos que loitaba pola dinamización da faceta cultural da vila. Na actualidade, o seu traballo céntrase no mantemento, difusión e transmisión da música e baile tradicional galegos, así como actividades lúdicas arredor da nosa cultura tradicional. Conta con agrupacións instrumentais, de pandeireta e canto e de baile, levando o seu son por lugares recónditos como a Arxentina ou Suíza.

Tal é a identificación de Adro con Baio que grande parte da vida cultural da vila xorde ou conta coa colaboración da Asociación. Presentacións de libros, organización de cabalgatas de Reis e Entroido, viaxes culturais e gastronómicas… Tamén no xurdimento de Badius, compañía de teatro baiesa que segue na actualidade sendo referente teatral na bisbarra.

Scroll al inicio