Residencias artísticas
Que é unha residencia artística?
Que é unha residencia artística?
É un programa que ofrece a unhe artista o espazo, o tempo e os recursos para traballar individual ou colectivamente na súa práctica artística.
Ter unha residencia artística significa ter o tempo, o espazo e os recursos para adicarlle á búsqueda artística, para experimentar e xogar co movemento, coa voz, cos obxectos, coas texturas, co texto, coas ideas…
Por que facemos residencias artísticas en ESCORA?
Por que facer residencias artísticas?
Porque a riqueza cultural, artística, paisaxística e natural da Costa da Morte é incomparable.
Porque os seus espazos, entornos e xentes, xeran un contexto óptimo no que concentrarse na creación artística e no que permitirse interactuar coa veciñanza, co territorio, coa historia e coas tradicións.
Porque a danza non é unha disciplina tan recoñecible na Costa da Morte e desexamos contribuir a normalizar a presenza da danza contemporánea neste territorio.
No 2023 activamos por primeira unha residencia artística no contexto de ESCORA. Isto aconteceu porque coñecimos o proxecto A Casa no Alto, dirixido polo artista visual e xestor cultural Pablo López, que no ano anterior tiña realizado diversas residencias artísticas na vila de Camelle. Para nós tanto o contexto como as historias que nos contaba Pablo e a complicidade que pronto tivemos con el, foron indicadores claros de que tiñamos que activar unha residencia artística en Camelle. Para a nosa sorte, o Concello de Camariñas, tamén aceptou rápidamente a proposta e conseguimos artellar unha residencia artística entre o Museo Man de Camelle e a Casa no Alto. Nesta primeira edición, a artista en residencia artística foi Alejandra Balboa, co seu proxecto Cando lle permito ao corpo aquilo que digo, que acompañada por Diego M. Buceta e Pavel Amilcar, tiveron a oportunidade de residir e traballar dúas semanas na vila de Camelle. Tivemos a sorte de ver o resultado no contexto de ESCORA 2023, un momento no que compartir o traballo coas veciñas que tanto tiveran acompañado o proceso de Alejandra.A experiencia da residencia artística en 2023
Sobre a residencia
Artista en residencia: Alejandra Balboa
Proxecto: Cando lle permito ao corpo aquilo que digo
Colaboran: A Casa no Alto, Mar de Fábula e Concello de Camariñas
Datas: 5 ao 17 de xuño de 2023
Espazo de traballo: Museo Man de Camelle
Espazo de residencia: A Casa no Alto
Sobre Cando lle permito ao corpo aquilo que digo
Cando lle permito ao corpo aquilo que digo é un proxecto de investigación física que explora a distancia entre a palabra e o corpo, no que me propoño esculcar e observar a garganta, a mandíbula, a boca (lingua) e a respiración como motores desde os que partir e facer florecer o movemento.
Inspirándome en técnicas xaponesas que me axudan a conectar corpo e imaxinación, apoderarme do tempo, escoitarme e expresarme desde un lugar honesto, sutil, potenciando a idea de experiencia que reside no acto de moverse.
Desde o desexo, desde un corpo “deseducado”, desde unha “fisicalidad parda”. Un corpo que se permite acceder ao encontro coa incomodidade, o pudor e a torpeza, como limiares de aproximación ao descoñecido.
Sobre Alejandra Balboa
Alejandra Balboa é unha creadora e intérprete galega, graduada pola Escola Superior de Dança de Lisboa. Desde 2016 desenvolve o seu traballo en solitario de investigación, pedagoxía e creación. A súa filosofía vira ao redor da concepción do movemento como canle de escoita individual e colectiva, como ferramenta comunicativa e expresiva do humano.
A experiencia das residencias artísticas en 2024
Trala boa acollida da residencia artística en Camelle no 2023, decidimos volver a apostar polo mesmo formato en colaboración con A Casa no Alto, Mar de Fábula e o Concello de Camariñas. Esta vez, estivemos en diálogo co Colectivo VACAburra para que foran elas que puideran vivir a experiencia en Camelle, co seu novo espectáculo Ruar.
Durante o proceso de mapeado de ESCORA 2024, atopamos en Corcubión unha vontade especial para que a experiencia de ESCORA fose máis alá da data do evento con algunha acción que puidera trascender e deixar unha pegada máis concreta no territorio. Deste xeito coñecimos non só os espazos municipais cos que conta o concello, senón tamén o intenso tecido sociocultural do lugar. Finalmente, en diálogo co Concello de Corcubión, tomamos a decisión de activar unha segunda residencia artística co artista Félix Fernández en Corcubión, entre o Centro de día e a Nave de Protección Civil do Porto co seu proxecto Xavier a través de min.
Deste xeito, o programa de ESCORA 2024 inclúe dúas residencias artísticas, coas súas correspondentes mostras dos traballos en proceso. É un orgullo para nós continuar afianzando as relacións territorio-artista e artista-territorio, facendo por unha banda que a danza contemporánea teña cada vez máis pegada na Costa da Morte, a un tempo que podemos acoller novos proxectos de danza e artes do movemento de artistas galegas.
Residencia artística Camariñas (Camelle) Colectivo VACAburra
Artista en residencia: Colectivo VACAburra
Proxecto: Ruar
Colaboran: A Casa no Alto, Mar de Fábula e Concello de Camariñas
Datas: 28 de marzo ao 2 de abril e do 13 ao 18 de maio 2024
Espazo de traballo: Museo Man de Camelle
Espazo de residencia: A Casa no Alto
Mostra do traballo en proceso: Sábado 18 de maio, Praza da Igrexa de San Marcos, Camelle ás 19.00h
Residencia artística Corcubión Félix Fernández
Artista en residencia: Félix Fernández
Proxecto: Xavier a través de min
Colaboran: Concello de Corcubión
Datas: do 13 ao 25 de maio de 2024
Espazo de traballo: Centro de día, Corcubión
Espazo de residencia: Nave de Protección Civil do Porto
Mostra do traballo en proceso: Sábado 25 de maio, Cárcere Vello de Corcubión ás 21.30h