Skip links

LA GUAJIRA

Autoría Raquel Castro

Minguantes | Espectáculo de rúa

17 minutos

 

Sinopse

Minguantes é unha peza que se adentra no universo temporal de dúas persoas que van envellecendo. Corpos que surcan o terreo dos cambios, onde todo parece ir máis de prisa que de costume e xa correr quizá no é unha opción, outra galaxia lles espera.

 

Cando todo se pare, escoita ao animal minguante, sentirás a beleza do seu silencio.

Caen as follas como o teu cabelo

A choiva apenas sente

Sen darnos conta brotan as flores

A choiva segue, o teu cabelo cae e o brilo nos teus ollos segue intacto.

 

Autoría, interpretación e dirección |Armando Martén e Ana Beatriz Pérez

Espazo sonoro | Ismael Berdei

Texto en off | Rocío González

Vestiario | Ruth D. Pereira e Santos Salgado

Fotografía e video promo | Raquel Castro

Produción | Sabela Ramos e La Guajira

 

Obradoiro de danza para a Asociación Redeiras Illa da Estrela de Corme 

O obradoiro presentará algúns elementos que foron usados no proceso de creación de Minguantes. A metodoloxía de traballo realizarase suxerindo distintos comandos de improvisación, poñendo a mirada no propio corpo e en todo o que nos revela. 

Xogaremos a sentir o noso corpo desde a propia individualidade e en parellas. Mergullarémonos no uso do tempo/ espazo en contrapunto co que pasa ao redor e tomaremos decisións en función do proceso de improvisación.

 

Compañía

Armando Martén e Ana Beatríz Pérez son dous artistas que levan máis de 20 anos na Coruña e máis de 30 adicados á danza, base e centro nas súas vidas tanto a nivel profesional como persoal. De orixe cubana pero coruñeses de acollida, foron desenvolvendo a súa carreira profesional non só na escena, senón que ambos poñen a pel na formación de alumnado tanto de perfil profesional como amateur. Para eles a danza é un estado mental e corporal, bailar para sentirse mellor, para establecer vínculos coas persoas, para mover corazóns.

 

Despois de 17 anos de traballo na Cía Entremans e co ánimo de emprender unha nova etapa marcada pola experiencia e o desexo de ir cara outras procuras, comezan un novo proxecto xunto ao músico Ismael Berdei quen foi o creador das bandas sonoras das últimas creacións ‘Minguantes’ e ‘Bionic’. Aínda que danza e música vaian da man, non é tan común que unha compañía de danza teña como integrante un músico no propio núcleo. O método de traballo e a sintonía á hora de crear as nosas últimas pezas serviron de ensaio para poder ensamblar este novo proxecto. 

 

La Guajira é o punto de encontro entre estas dúas disciplinas, a música e a danza, irmandadas nun eixo común. O seu nome evoa un aroma insular, un ambiente familiar, amable, un terreo de libre creación, un roteiro cara á exploración e a aprendizaxe comúns. Un espazo que alberga verde na mirada.