AB.íO
Reikiavik | Espectáculo de rúa
Reikiavik é un espectáculo de rúa que mistura danza contemporánea, circo e arquitectura, nun xogo visual accesible para todo publico, que move a unha reflexión sobre o rumbo vital, o xogo, o bo trato ou a humanidade compartida na súa dimensión máis poética.
Din don din, última chamada á pasaxe con destino: Reikiavik.
Aquela foi a porta. O segundo foi a pulsión do noso ser curiosas, desexar ir, entrar ao xogo. No horizonte ao lonxe, o terceiro: unha bahía afumegante onde os lemmings non se precipitan polo acantilado. Algo así coma unha conexión, un contacto co posible, co instinto, ca humanidade compartida. Algo así como sentir o aire que bate no carballo ou o mar aberto, as risas de última hora pasadas de rosca, as xeometrías das paisaxes percorridas, a vista de paxaro… Ate perder a conta das palmadas, dos pasos ou latidos que fan falta para seguir voando e chegar a bo porto.
Obradoiro
A proposta será traballar co corpo e o elemento escénico característico da obra: os palitroques. Partiremos do traballo co elemento unitario – o pau -, para chegar ás construccións de tetraedos de xeito colectivo. Ditos artefactos xunto ca dinamización das guías, promoveran o xogo de desplazamentos, movementos singulares e tamén outras dinámicas grupais cun carácter máis teatral. Aproveitaremos o tempo compartido para lanzar preguntas sobre as ideas que inspiraron a obra, e tanto as reflexións conceptuais como as propostas de movemento estarán abertas e flexibles á vontade e capacidade das participantes.
Sobre AB.íO
Colectivo AB.íO nace no ano 2022 ca vontade de consolidar a colaboración entre a compañía íO de circo contemporáneo e a bailarina Anxela Blanco. Dan os seus primeiros pasos no certame metro cadrado do FIOT ou na gala solidaria en apoio ao Sahara organizada por Culturactiva. Reikiavik é a súa primeira creación, onde Beatriz Rubio e Anxela Blanco, misturan acrobacia e danza con cinco teatraedros, xerando un hipnótico xogo entre corpo e arquitectura. Esta non é a primeira ocasión en que as dúas intérpretes traballan xuntas, pois teñen colaborado en diversos espectáculos representados a nivel internacional ou coproducidos polo centro dramático galego, como é o caso de Arnoia, Arnoia da compañía Pista Catro. Nesta ocasión porén, xúntanse para crear de xeito irreverente e persoal unha viaxe en primeira persona -pero tamén universal- cara outro destino.
Web e redes sociais
Anxela Blanco
Compañía iO